Rosalía de Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nacida en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio español como no estranxeiro.
Nacemento
Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Camiño Novo, un arrabalde de Santiago de Compostela, sendo bautizada o mesmo día cos nomes de María Rosalía Rita. No rexistro do Hospital Real de Santiago de Compostela figura como filla de pais descoñecidos. A súa nai, María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, de orixe fidalga vida a menos, viviu na casa grande de Arretén. A familia da nai proviña da liñaxe dos Castro, de orixe castelá, pero establecida en Galicia dende a Idade Media (foron condes de Lemos durante o ano 1888 nunha das súas pólas). Contaba trinta e dous anos cando naceu. Moi pouco se sabe do pai de Rosalía, José Martínez Viojo. Nacido en Ortoño, Ames o 7 de febreiro de 1798 e crego de profesión, acababa de cumprir os trinta e nove anos cando naceu a nena; debido á súa condición, non puido recoñecer nin lexitimar á súa filla, encargando o seu coidado ás súas irmás, polo que semella que si se interesou pola súa manutención. Non obstante non hai datos que avalen que fosen as súas tías paternas as que se encargasen da meniña.
Infancia
Nos primeiros anos Rosalía viviu unha infancia leda nas vilas rurais de Ortoño e Padrón. Nunha das pasaxes bibliográficas dun dos seus poemas de Cantares gallegos, Castro bota unha ollada nostálxica á casa de Arretén, casa de Iria Flavia onde viviu por tempadas canda a súa nai entre os nove e quince anos. Unha infancia lembrada por cancións, risas e as badaladas das campás que contrasta co silencio desolado que agora predomina sobre o lugar.
Na seguinte prosa costumista de 1881 Rosalía fala da ledicia de estar coa súa nai nas Torres de Hermida en Lestrove, fogar de Josefa, irmá da nai de Rosalía e do seu home Gregorio.

No hay comentarios:
Publicar un comentario